A Academia Galega do Audiovisual presentou esta mañá no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces, o I Premio Fiestra de Audiovisual Galego para a educación en valores, nun acto ao que asistiron Miguel Mariño, director da Academia; o concelleiro de cultura de Vila de Cruces Julio López; o director do IES Marco do Camballón José Manuel Iglesias e a actriz Camila Bossa.
O director da Academia presentou esta iniciativa, na que os centros de ensino de Galicia que formen parte da comunidade de Fiestra poderán decidir cos seus votos cal é a curtametraxe do catálogo merecedora do premio, polo seu valor á hora de facilitar o traballo e a reflexión na aula. O concelleiro Julio López augurou unha “longa vida” ao galardón, ao tempo que louvou a actitude e o comportamento do alumnado do IES Marco do Camballón, que formou parte do público do acto.
Pola súa banda, José Manuel Iglesias declarou que desde o IES estaban “orgullosos de participar” nesta iniciativa “que contribúe á formación de cidadáns críticos”. A intérprete Camila Bossa, que interviña como representante do sector audiovisual, salientou a importancia de “promocionar e visibilizar a nosa cultura e a nosa lingua”, ademais de afirmar que “co cine se aprende moito máis do que cremos, dun xeito diferente”.
O I Premio Fiestra de Audiovisual Galego para a educación en valores será anunciado e entregado en Vila de Cruces no mes de xuño de 2022.
Fotografía: José Ramón Moire