Hoxe incorporamos ao catálogo unha curtametraxe de Nani Martos, protagonizada por Mela Casal e Gonzalo Uriarte. Interpretan a Amalia e Alfonso, unha parella que pasa os últimos anos da súa vida nunha residencia de maiores. Grandes intérpretes como Xan Cejudo, Susana Dans, Teté García, Santi Cortegoso, Machi Salgado e Luis Iglesia completan o elenco.
Ante a enfermidade de Amalia, Alfonso verase obrigado a tomar unha decisión, nesta curta que, en palabras do seu director presenta “unha historia da vida cotiá. Historias que moitas veces pasan diante de nós case sen decatarnos. Quizais porque a maioría dos que as protagonizan pasan inadvertidos para unha sociedade que non se para a mirar cara atrás”.
Flores para Amalia foi galardoada no festival de Cans co Premio do Público e o Premio do Xurado dos Veciños en 2013. O ano seguinte, resultou finalista nos Mestre Mateo na categoría de mellor curtametraxe de ficción.