Conversa cunha muller morta
FICHA TÉCNICA
Dirección e guión: Sonia Méndez
Dirección de Produción: Nati Juncal
Dirección de Fotografía e Operador de Cámara: Óscar Chamorro
Montaxe: Sonia Méndez e Óscar Chamorrov
Son Directo: Iván Ogando
Mestura de Son: David Machado
Dirección de Arte: Isabel Tristán
Axudante de Dirección: Mónica Alonso
Maquillaxe: María Illobre
Perruquería: Jose Collazo
Vestiario: Srta. Boop
Deseño Gráfico: Isabel Vila
Foto Fixa: David Méndez
Composición Musical: Orphan Tracks
Reparto: Camila Bossa, Luis Zahera, Carlos Neira
SINOPSE
A historia de Elena, unha muller que volve “de entre as mortas” para ofrecerlle unha oportunidade de salvación a Luís, a súa antiga parella e asasino. Elena advírtelle de que a xustiza dos humanos non é suficiente para saldar o seu crime e que no “máis alá” aínda lle quedarán contas por saldar. A non ser que poida darlle un motivo polo cal cometeu o crime… Luís acaba de saír do cárcere onde cumpría condena polo asasinato da súa muller Elena, cometido quince anos atrás. Cando Luís chega á gran casa que ambos compartían Elena aparéceselle “de entre as mortas” para manter unha conversación con el. E é que ás mulleres curiosas como Elena a xustiza dos homes non lles parece suficiente…
TEXTO SOBRE A OBRA
Este traballo é a miña humilde homenaxe a todas as mulleres que sufriron e sofren por violencia de xénero. É o meu modo de darlles voz ás que xa non poderán contarnos a súa historia. É unha recortada que poño nas súas mans para que apunten aos seus maltratadores á fronte e pídanlles unha maldita explicación. A elas dígolles; non vos esquecemos, imos seguir loitando, imos rematar con isto e non deixaremos de preguntarlles unha e outra vez: Por que?. Espero que, polo menos, esta curtametraxe consiga que non deixemos de facernos, unha e outra vez, a mesma pregunta.
PREMIOS
- Premio Mestre Mateo 2012 – Mellor curtametraxe de ficción
- IX Curtocircuíto – Mellor curtametraxe galega
- IX Festival de Cans – Mellor actor
- Cinemacurtas – Mellor actor
- FICBE – Premio do público e segundo premio
- IKUSKA – Premio “Femenino Plural”
- festival de Curtametraes Vila de Noia – Mellor actor
- Festival Cineculpable – Mellor curtametraxe e mellor actor –
- Festival de Cine Creat Rivas – Premio do público e premio valores sociais
BIOGRAFÍA DA DIRECTORA
Sonia Méndez ten unha longa traxectoria en diferentes ámbitos: actuación, dirección, guión e produción audiovisual.
Traballa como actri en series e filmes como Serramoura, Os Atlánticos ou Terras de Miranda para a CRTVG, Cuéntame para TVE ou El Vecino para NETFLIX e en filmes como El Sexo de los Ángeles de Xavier Villaverde, Rafael de Xavier Bermúdez ou Por mi y por todos mis compañeros de Judas Diz.
Dirixe, guioniza e produce as curtas Perversa Lola, Leo y Mario (se dejan), afé Bar Santos Perruquería, Ei, Guapa! para a longametraxe colectiva Visions, As Damas Negras e Conversa cunha Muller Morta, estas dúas últimas premiadas co Meste Mateo á Mellor Curtametraxe en 2011 e 2012, entre outros premios e distincións.
Crea, coguioniza e intepreta a serie web Angélica y Roberta, Mestre Mateo a Mellor Webserie en 2012. En 2019 dirixe o coguioniza a Gala dos Premios da Academia do Audiovisual de Galicia e as pezas promocionais Viaxeiros do Futuro.
Dende 2014 dirixe o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, primeiro festival estatal deste tipo. En 2018 funda a produtora audiovisual Cósmica Producións xunto a Nati Juncal Portas. Xa con Cósmica dirixe e coguioniza a serie Antes de Perder para Playz-RTVE que tamén foi premiada co Mester Mateo á mellor serie web en 2020, e o documental A Poeta Analfabeta sobre a poeta e activista galega Luz Fandiño. Na actualidade está desenvolvendo a longa de ficción As Neves, seleccionada para desenvolvemento no Torino Film Lab Next e Sources 2; e o documental A Muller Borrada, seleccionado no EuroDoc 2020.
É membro da Asociación de Directores e Directoras de Galicia (CREA), do Sindicato Galego de Guionistas (AGAG) e membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual.