Fiestra nace da necesidade dos docentes de ter materiais para traballar con filmes galegos nas aulas, proporcionándolles un punto de acceso legal a un catálogo de obras audiovisuais para que poidan ser utilizadas e proxectadas no ámbito escolar. O emprego destas obras audiovisuais favorece o traballo creativo e colaborativo nas aulas, serve para tratar eixos transversais do currículo educativo e constrúe espectadores críticos.
O catálogo de Fiestra está composto por obras audiovisuais galegas seleccionadas pola súa calidade e pola súa capacidade para seren utilizadas na educación en valores. Cada unha delas conta con guías didácticas elaboradas polo equipo pedagóxico de Fiestra e editadas pola Academia Galega do Audiovisual. Fiestra tamén pon a disposición dos centros unha serie de propostas didácticas para traballar de xeito conxunto no seu catálogo que irá medrando coa inclusión de máis obras cada ano.
- A flor máis grande do mundo, Juan Pablo Etcheverry (2007).
- Anacos, Xacio Baño (2012).
- C.O.D.A.,Veru Rodríguez (2018).
- Cousas do Kulechov, Susana Rey (2007).
- Matria, Álvaro Gago (2017).
- Minotauromaquia, Juan Pablo Etcheverry (2004).
- O xigante, Luís da Matta e Júlio Vanzeler (2012).
- Rapa das bestas, Jaione Camborda (2017).
- Tupper, Ángel Manzano (2014).
- Einstein-Rosen, Olga Osorio (2016).
As guías didácticas
Álvaro Dosil, pedagogo e especialista no cine e nas artes como ámbito de educación pertence ao grupo Terceira Xeración, da facultade de Ciencias da Educación da USC, é asesor pedagóxico de Fiestra. O seu labor consiste en establecer un marco teórico no que se vai desenvolver a acción educativa, establecer criterios para valorar as obras, analizalas para determinar unhas temáticas sobre as que traballar, e elaborar unhas guías pedagóxicas para estudantes e tamén para docentes a partir desas temáticas.
As guías didácticas de Fiestra están organizadas por temas, de xeito que se un docente busca o tema co que quere traballar, por exemplo igualdade, saen unha serie de obras que tocan eses temas. Dentro de cada obra temos o visionado, a ficha técnica, información que permita coñecer mellor as obras e os autores, e despois temos a intervención pedagóxica proposta segundo a idade do alumnado. A intervención comeza cun momento inicial de contextualizacion: “por exemplo, se se trata o tema da igualdade, hai unha hipótese cero na que se trata de que os alumnos falen do tema antes de ver a pellicula. Logo faise o visionado e despois abórdase a temática a partir de diálogos ou escenas concretas das películas, para debater na clase”, explica Dosil, que engade que, máis alá do tema en si, “hai moitas cuestións logo que se poden tratar a nivel cognitivo, a nivel afectivo, a nivel creativo… que están implícitas no noso traballo e que parten de que lles fagamos pensar aos alumnos e facilitemos que teñan debates entre eles”.
Polo de agora non se achegan outras visións sobre a película desde o punto de vista artístico. Dosil explica que “é unha intención que existe pero, sendo un proxecto piloto, priorizouse polo de agora a primeira parte dos valores comúns. Máis adiante a idea é adentrarnos tamén nos valores específicos, os do cine como fenómeno artístico e de creación do ser humano”. O ámbito idóneo para traballar con estas intervencións pedagóxicas sería nas aulas de filosofía e nas titorías, é dicir, por agora non están adscritas a unha materia curricular concreta. O obxectivo con estes materiais de traballo é “poñérllelo moi facil aos docentes para que teñan a motivación de traballar cos filmes na clase, porque se hai unha complexidade de inicio e require moito tempo extra do profesorado é máis difícil que participen”.