Como funciona

Fiestra pon a disposición dos centros de ensino un catálogo de curtametraxes galegas seleccionadas especialmente polo seu valor educativo. Cada unha das obras vai acompañada dunha serie de recursos didácticos cos que poder traballar nas aulas.

O catálogo de obras e os recursos están elaborados e supervisados por un equipo integrado por expertos en programación de cine para público infantil e xuvenil e un equipo de asesoramento pedagóxico especializado en educación a través das artes, encargado do desenvolvemento do marco teórico sobre o que se fundamenta o proxecto Fiestra.

Se desexas que o teu centro de ensino poda acceder a estes recursos, é preciso que te rexistres no formulario de inscrición. Só é preciso un rexistro por centro. Para completar o proceso é necesario aboar unha cota de acceso ao servizo de 80 euros, que ten unha validez de 12 meses desde o momento da alta.

O pagamento realízase na conta ES06 2080 5210 02 3040003381 (Abanca) co concepto FIESTRA CURSO 21/22. Unha vez efectuado, o xustificante envíase a info@academiagalegadoaudiovisual.gal indicando o centro de procedencia e a persoa de contacto no corpo do correo.

Premio Fiestra

O Premio Fiestra de Audiovisual Galego para a educación en valores é unha convocatoria anual que distingue unha das curtametraxes presentes no catálogo, polo seu valor á hora de facilitar o traballo e a reflexión na aula.

Os centros de ensino de Galicia que formen parte de Fiestra poderán decidir cos seus votos cal é a curta merecedora do premio, que se anunciará a finais do curso escolar. Entre todos os centros que participen na elección do Premio Fiestra, sortearase unha visita de membros dos equipos técnicos e artísticos da peza gañadora, para participar nun coloquio co alumnado.

O centro anfitrión no curso 2021-2022 será o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.