Fotograma de ‘Cartoons’

Cartoons, de Giselle Llanio e Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez son as novas incorporacións do noso catálogo. Dúas curtametraxes nas que a presenza da morte, desde o punto de vista dun neno na primeira, e desde o punto de vista dun home que maltrata a súa parella na segunda, cobra unha importancia singular.

Cartoons xorde como “unha reflexión sobre a realidade edulcorada na que educamos aos nenos na sociedade actual, debido a unha mala xestión de temas tabú como a morte” en palabras da súa directora. A curta, estreada en 2006, está protagonizada por Daniel Neira Potel, Roberto Moñino e Chisco Casteleiro.

Fotograma de ‘Conversa cunha muller morta’

Conversa cunha muller morta (2012) está protagonizada por Camila Bossa e Luis Zahera e gañou, entre outros, o Premio Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe de Ficción. Quere ser a homenaxe da súa directora “a todas as mulleres que sufriron e sofren por violencia de xénero. É o meu modo de darlles voz ás que xa non poderán contarnos a súa historia”.